25 oct 2010

CALROS SOLLA: Biobibliografía

.
.. 
.
Carlos Solla Varela (Calros Solla) naceu en Pontevedra no ano 1971. É profesor de historia e lingua galega, etnógrafo e escritor. Ao longo da década de 2000, colaborou no desenvolvemento dos proxectos culturais da Asociación Cultural e Ecoloxista “Verbo Xido” de Terra de Montes e do Grupo de Estudos Etnográficos “Serpe Bichoca”. É membro fundador do Instituto Galego de Estudos Celtas (IGEC) e do colectivo cultural e ecoloxista Capitán Gosende. Membro da sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).
.
Autor dos poemarios Xábregho (1999), Mel de arañas (2000), Terras raras (2001) -todos tres recollidos na antoloxía Ras e tritongos (2003)-. Os versos de Xábregho e Mel de arañas foran galardoados co 1º Premio de Poesía no I Certame Literario da Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo (1992). É autor así mesmo de Cerdedo in the Voyager I (2004) e Libro de reclamacións (2005), coleccións de poesía visual, e mais dos libros de "retrónicas" reGaliza e outras chuches (2008) e O orgullo do gurgullo (2012). En 2009, sae do prelo Pan prós crocodilos. En 2010, é merecente do Premio de Poesía Johán Carballeira polo poemario MazinGZ e, en 2011, do Premio de Poesía Victoriano Taibo polo poemario Holocausto zacoe.
.
O máis da súa obra poética espállase por libros colectivos e revistas literarias, entre os que salientamos: X Festival da poesía no Condado (1990), Muller de doce sal. Homenaxe a Inés Canosa (2000), Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia (2005), Poesía contemporánea: Tabeirós-Terra de Montes (2005), Pontevedra literaria (2007), Polifonías II. Voces poéticas contra a violencia de xénero (2007), Bernardino Graña. Homenaxe no 75 aniversario (2007), Polos camiños de Cangas. 25 anos do certame de poesía María Soliño (2010), XXIV Festival da poesía no Condado (2010), Dairas (2011), Poema río dos Gafos (2012), 150 Cantares para Rosalía de Castro (2015); Madrygal, Dorna, Verbo Xido, Arraianos...
.
No eido histórico-etnográfico, como estudoso da bisbarra de Terra de Montes, forneceu a súa colección "Cerdedo in the Voyager" cos seguintes títulos: Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral (2002), Cerdedo na obra do Padre Sarmento (2002), Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo (2005), Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica (2007), Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas (2008) -o seu labor de estudo e divulgación do monte do Seixo foi merecente do Diploma de Honra outorgado polos Amigos da Cultura Celta (Narón, 2011)-, Cantares de Manuela de Barro. Achegas ao cantigueiro de Cerdedo (2008), Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo (2009), O vervo xido. A fala secreta dos canteiros de Cerdedo (2011), O ano que chimpamos o cacique. Crónica do agrarismo en Cerdedo (2011), O código da vincha. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo (2012), O crime de Pardesoa (2013), As pedras da tribo. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo II (2014), Amuletos, talismáns e pedras da fartura. Obxectos de poder da Galiza tradicional (2014), A conxura dos Gosende. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo III (2015) e Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo (2016).
.
Así mesmo, como colaborador da asociación cultural e ecoloxista Vaipolorío, deu ao prelo: Andar primeiro de río. Inmateriais do río dos Gafos (2009), O demo asubiador (2014) e O río da memoria. Cartafol do río dos Gafos (1745-1970) (2014).
.
"Polo seu traballo incansable de promoción e posta en valor da lingua e da cultura galega e nomeadamente do patrimonio natural e inmaterial do concello de Pontevedra", concedéuselle o Premio Cidade de Pontevedra 2015.
.
.
.
.
Como afeccionado á arqueloxía, amais de identificar, no monte do Seixo, por riba dunha trintena de "pedras con lenda" (estacións míticas) -entre elas, a xa célebre Portalén-, ten atopado, no concello de Cerdedo, numerosos depósitos ou pezas de notábel valor arqueolóxico: o pétreo antropomorfo nomeado Xacente do Coto das Insuas (O Serrapio-Pedre), o muíño navicular do Castriño (Fondós-Quireza), o gravado rupestre da Laxa das Filloeiras (Pedre), o gravado rupestre da Laxa do Sangal (Cerdedo), os gravados rupestres do Monte de Baixo IV e V (Limeres-Cerdedo), o gravado rupestre do muíño de Herdeiros de Baixo (Abelaíndo-Cerdedo), o gravado rupestre do Outeiro da Bichoca (Chamadoira-Cerdedo), o gravado rupestre da Cerqueira (Biduído-Cerdedo), o gravado rupestre do Outeiro de Riba (Biduído-Cerdedo), o gravado rupestre de Carballás (Cerdedo), o gravado rupestre do monte de Laxoso (Quireza), os gravados rupestres do Outeiro da Corva I e II (Pedre), o gravado rupestre da Porteliña (Tomonde), o gravado rupestre da Lomba de Castrodiz (Figueiroa), o gravado rupestre de Vilarchán (Quireza), os gravados rupestres da Laxa da Romaxe I e II (Pedre), o gravado rupestre de Porriñeiras (Figueiroa), o gravado rupestre do Coto Laceiras (Figueiroa)... No concello da Estrada, os gravados rupestres do Outeiro da Pena I, II e V (Sabucedo. No concello de Forcarei, o gravado rupestre do Vieiro (Castrelo). No concello de Pontevedra, o gravado serpiforme da pedrafita do monte Curuto (Cerponzóns)... 
.
É artífice dos itinerarios culturais Roteiro Sarmento (Cerdedo), de 2002, Roteiro da Montaña Máxica (monte do Seixo), de 2006, Roteiro da Pantalla (Cerdedo), de 2011, e Roteiro polo Pedre milenario (Cerdedo), de 2013, inseridos no seu Proxecto Montaña Máxica, co que porfía, a carón da colección de ensaios "Cerdedo in the Voyager", na dignificación da terra cerdedense. Xunto co Grupo de Estudos Etnográficos "Serpe Bichoca" realizou o documental Monte do Seixo. A Montaña Máxica (2009). En 2012-13, comisariou a exposición "De rezos a conxuros" (colección particular de amuletos, talismáns e outros obxectos de poder da cultura tradicional) no Museo Etnográfico Liste (Vigo), que foi visitada por perto de dez mil persoas.
.
Á súa angueira investigadora e creativa engádeselle a súa faceta de conferenciante no ámbito da mitoloxía popular e da defensa do patrimonio. Consignado no Dicionario de Escritores de Tabeirós-Terra de Montes (2004), é adoito colaborador da prensa escrita (de xeito cotiá, no xornal Faro de Vigo) e da web Galicia Encantada. Mantén na internet os blogs O Embigo do Becho (Sunshine Award, 2011) e Cerdedo in the Voyager.
.
.
.
.
.
.
.
O autor na web da AELG:

24 oct 2010

"HOLOCAUSTO ZACOE": Premio Victoriano Taibo de Poesía 2011

.
.
.
.
.
.

Enlace.
.
.
Retallos da cerimonia de entrega do Premio Victoriano Taibo:
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
No blog do Victoriano Taibo:
.

Na prensa:
.

22 oct 2010

ANO 10 DESPOIS DE PORTALÉN: A loita continúa. Salvemos o Seixo!!

.
.
.
.
.
.
O MONTE DO SEIXO. O irrefreábel atractivo da Montaña Máxica
.
Conforme leo nas miñas anotacións, no verán de 2002 –axiña fará os dez anos–, na compaña de meu pai, Manuel Solla, natural de Abelaíndo (Cerdedo), e de Manuel Vidal, orixinario de Ratel (Forcarei-Beariz), visitei a rechamante formación granítica do monte do Seixo coñecida, entre outros nomes, por A Portalén. Non era a primeira vez que pasmaba perante o singular rochedo, levo pateando o Seixo dende a recuada nenez, mais, naquela esclarecedora excursión, escoitei de novas, na pausada voz de Manuel Vidal, o testemuño que identificaba o lugar co linde do Outro Mundo, co soarego do Máis Alá.
.
Por se alguén vir doutro planeta, A Portalén do Seixo localízase na encrucillada do camiño de Coto e do camiño da feira de Doade, alí onde, de antigo, se nomeaba Feira Vella. O lugar pertence, na actualidade, aos comuneiros da Barcia do Seixo, freguesía do pontevedrés concello da Lama.
.
A estación mítica de Portalén víñase sumar á trintena de recunchos con lenda descubertos no alto do monte tras anos de recolla, porta a porta, polas aldeas da contorna do Seixo. A oportuna esculca deu como resultado o Almanaque de encantos (2005) e dúas monografías: Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica (2007) e Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas (2008), todos tres libros gozosamente editados e reeditados (Ed. Morgante). Os segredos da montaña púñanse, deste xeito, en coñecemento do mundo.
.
Ao pé da Portalén, coa solemnidade requirida, o señor Manuel contou o inveterado costume aldeán de acudir á peneda no mes de Santos, atravesar o pétreo portelo, pousar un exvoto no petón regañado, demandar resposta dos defuntos e volver saír por onde se entrou, so risco de ficar antaruxado. A mesma historia, con algunha que outra variante, escoitéillela, así mesmo, ao señor Xosé Cortizo (Barro de Arén) ou á señora Arxentina López (Carballás). O propio Xosé Cortizo narrouna primorosamente para o documentario Monte do Seixo. A Montaña Máxica de 2009.
.
Unha década despois da descuberta de Portalén, o monte do Seixo xa se defende só e non hai tarabela que lle faga sombra. Guiei centos de persoas polos predios do Seixo, vilmente desbaratados polo desacerto do parque eólico; falei para os xornais, para as radios, para as televisións, para a Internet, nos congresos e conferencias aos que fun convidado... da urxente necesidade de promover a montaña do Seixo, a Montaña Máxica, como parque temático da mitoloxía popular galega, privilexiado anfiteatro natural no que recrear a nosa alborada celta, demandando unha e outra vez a colaboración das distintas administracións.
.
Desgrazadamente, ningunha das autoridades locais, provinciais ou autonómicas “competentes” moveron un músculo na dignificación e pulo do que, a todas luces, é un dos reclamos turísticos máis atractivos desta atristurada e decadente bisbarra.
.
Aínda que cause vergoña, cómpre engadir que, en todo este tempo, non se recibiu, por calquera dos condutos posíbeis, nin tan sequera unha sucinta comunicación dos alcaldes ou dos concelleiros de Cultura da zona, interesándose, xa non polo traballo realizado, senón pola indiscutíbel repercusión do mesmo. Non me abraio, ben sei que é actitude común no noso país.
.
Mais, pola contra, arrepóndose ao silenciamento raposeiro e porfión, o monte do Seixo, A Portalén burbullan na Web: nas redes sociais e mais en ducias de páxinas e blogs, espazos virtuais interesados pola arqueoloxía, a etnografía, o turismo ou a cultura galega en xeral. Do mesmo xeito, o labor desenvolvido foi obxecto de estudo e enxalce en numerosas publicacións de aquí e de fóra. O evidente potencial do monte do Seixo mereceu a atención do III Congreso Internacional sobre a a Cultura Celta, organizado en Narón (2011), é mereceu, nese ano, o valioso recoñecemento dos Amigos da Cultura Celta.
.
Por outra banda, os seres míticos do Seixo foron agasallados coa súa inclusión na Guía ilustrada da Galicia invisible (Xerais, 2010) da autoría de Antonio Reigosa, coordinador, asemade, da web “Galicia Encantada”, onde o Seixo é tamén protagonista de excepción. A maiores, Vítor Vaqueiro engadiu as lendas do Seixo á súa magnífica Mitoloxía de Galiza (Galaxia, 2011), mentres que Portalén, que xa aparecera ilustrando o libro Caroianos (Xunta de Galiza, 2008) de Xosé e Xermán Fortes, foi escolleita como un dos cincuenta lugares máxicos da Galiza, escolmados no libro homónimo do xornalista Carlos G. Fernández (Cydonia, 2011), etc. etc. Para todos os confrades da Montaña Máxica vai a miña emocionada gratitude.
.
Ofrecinlles desinteresadamente un monte do Seixo alternativo aos veciños de Terra de Montes e, agás contadas aínda que reconfortantes mostras de apoio, só obtiven xélido silencio cómplice. Non me enrugo, temos o que merecemos. Hoxe, Aninovo de 2012, o ano 10 despois de Portalén, principia unha nova década de loita tan necesaria como ilusionante. Salvemos o Seixo!!
.
.
Calros Solla
.
.
.

20 oct 2010

CERDEDO - TERRA DE MONTES (aldea tipo)

.
..
O poema visual "Cerdedo-Terra de Montes (aldea tipo)" apareceu publicado no nº 7 da revista Arraianos (2008), no nº 20 do boletín Verbo Xido (2008) e, após, no libro de retrónicas reGaliza e outras chuches (2008).
.
.

19 oct 2010

TÍTULOS PUBLICADOS DA COLECCIÓN:

.
..
.
Ligazón con Edicións Morgante:
.


.
.
.
TÍTULOS
.
.

Nº 1: Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral (1ª edición: 2002).
.
.
.
.
Nº 2: Cerdedo na obra do Padre Sarmento (1ª edición: 2002, 2ª edición: 2009). Edicións Morgante.
.
.
.
.
Nº 3: Cerdedo in the Voyager I (1ª edición: 2004, 2ª edición: 2010). Edicións Morgante. POESÍA VISUAL
.
.
.
.
Nº 4: Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo (1ª edición: 2005, 2ª edición: 2010). Edicións Morgante. [Debuxos: João Bieites, Mónica García e Francisco Sutil].
.
..
.
Nº 5: Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica (1ª edición: 2007, 2ª edición: 2011). Edicións Morgante. [Debuxos: João Bieites, Mónica García e Francisco Sutil].
.
.
.
.
Nº 6: Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas (1ª edición: 2008). Edicións Serpe Bichoca. [Debuxos: João Bieites, Mónica García e Francisco Sutil].
.
..
.
Nº 7: Cantares de Manuela de Barro. Achegas ao cantigueiro de Cerdedo (1ª edición: 2008, 2ª edición: 2009, 3ª edición: 2012). Edicións Morgante.
.
.
.
.
Nº 8: Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo (1ª edición: 2009). Edicións Morgante.
.
..
.
Nº 9: O vervo xido. A fala secreta dos canteiros de Cerdedo (1ª edición: 2011). Edicións Morgante.
.
..
.
Nº 10: O ano que chimpamos o cacique. Crónica do agrarismo en Cerdedo (1916-1923) (1ª edición: 2011). Edicións Morgante.
.
.
.
.
Nº 11: O código da vincha. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo (1ª edición: 2012). Edicións Morgante.
.
.
.
.
Nº 12: As pedras da tribo. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo II (1ª edición: 2014). Edicións Morgante.
.
.
.
.
Nº 13: O crime de Pardesoa (1ª edición: 2013). Edicións Morgante.
.

.
.
.
Nº 14: Amuletos, talismáns e pedras da fartura. Obxectos de poder da Galiza tradicional.  (1ª edición: 2014). Museo Etnográfico Liste.
.
.
.
.
Nº 16: A conxura dos Gosende. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo III (1ª edición: 2015). Edicións Morgante.
.
.
.
.
Nº 16: Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo (1ª edición: 2016). Edicións Morgante.
.
.
.
.
.

18 oct 2010

Colección "CERDEDO IN THE VOYAGER": Contracapas

.
.
.
Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral:
.

Carlos Solla ofrécenos no libro que presentamos unha chea de materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Descóbrenos así o rico patrimonio cultural cerdedense creado pola humanización da paisaxe e a diversidade (de poboamento, relevo, clima, vexetación, desenvolvemento económico, lingua, etc). Velaí que os signos da verdadeira cultura van sempre asociados ó redescubrimento da Terra. [Texto extraído do limiar]
Ana Acuña
.
.
.
.
.
Cerdedo na obra do Padre Sarmento:
.

Pedro García Sarmento e Gosende (frei Martiño Sarmento) naceu no pazo das Raposeiras de Meilide (freguesía de San Xoán de Cerdedo) no ano 1695.
Aínda que ingresou no mosteiro bieito de San Martín (Madrid) á idade temperá de 15 anos e só se achegou a Galiza en tres ocasións (anos de 1725, 1745 e 1754), a súa escrita reve o zume señardoso de quen, malia a distancia e as circunstancias, xamais deu a esquecemento a súa natureza galega e cerdedense.

.
.
.
.
.
Cerdedo in the Voyager I:
.

Cerdedo, dende a Voyager I, dende o universo, é obxecto de preguntas que non atopan resposta e que abafan o autor: Qui sumus?, Unde venimus?, Quo imus? Son, todas tres, as preguntas transcendentais que estruturan o poemario. Cada unha destas cuestións é tratada de diferentes xeitos polo poeta que non atopa respostas e que se abandona á desesperanza. Cerdedo, Galiza queren ser dignificados dende e para o universo, buscándolle a finalidade do ser a unha entidade étnica ben determinada, pero non apreciada polos propios.
Héitor Mera
..
.
.
.
Almanaque de encantos.
Mitoloxía da Terra de Cerdedo:
.

“Almanaque de encantos” concentra na freguesía de Cerdedo mostras dos seres míticos e dos lugares máxicos que se atopan espallados por toda Galicia. De aí a utilidade do “Almanaque” como dicionario dos seres míticos ou como guía da Galicia máxica cuxo valor sobrancea o local. Nunca unha freguesía acolleu tanto ser!!
Calros Solla continuando ese labor de recolla, de escoitador e transmisor da sabedoría do pobo, deixounos abondosos relatos que testemuñan a riqueza da Terra de Cerdedo.
Ana Acuña
..
.
.
.
Monte do Seixo.
Reivindicación da Montaña Máxica:
.

O monte do Seixo é a montaña da totémica serpe, a montaña da fertilidade, das encrucilladas, dos oráculos, do Alén, a montaña do sol e da lúa; a montaña dos nosos deuses primixenios representados en toda a súa magnificencia.
A proliferación descontrolada de explotacións eólicas na nosa xeografía é, sen dúbida, froito da faciana máis escura do progreso, da avidez, da desmesura, da insensibilidade, da ignorancia e do desleixo. O parque eólico do monte Seixo non se tería construído se a Galiza fose algo máis ca unha colonia e os galegos, aqueles aínda conscientes da súa identidade, uns indíxenas condenados ao ostracismo.
.
.
.
.
.
Monte do Seixo.
O santuario perdido dos celtas:
.

Millor que dicilo fora pintalo pois non atopo nin atoparei as palabras axeitadas para describir a emoción que experimento cando ascendo os tesos cumes do monte do Seixo. Se me permiten o símil, tras anos de camiñadas, escoita paciente, gorentosas experiencias e non poucas contrariedades, o Seixo é para min o que a cidade de Troia foi para Schliemann, o sartego de Tutankamón, para Carter ou a cemba do Machu Picchu, para Bingham. Eis o achádego que lle dá sentido a unha vida. [Texto extraído da introdución]
.
.
.
.
.
Cantares de Manuela de Barro.
Achegas ao cantigueiro de Cerdedo:
.

Os que conviven con Manuela de Barro abráianse, e nós con eles, de que con 80 anos teime en erguerse a altas horas da noite, espelindo a vixilia, para preservar coa escrita os ditos, contos e cantares que lle veñen á cabeza. O seu sacrificado labor de transmisión da sabedoría popular é impagábel, mais como boa galega é consciente de que este é o prezo que hai que aboar para quedar a pre cos devanceiros que forxaron, e dos que herdamos, o feito diferencial da galeguidade.
.
.
.
.
.
Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo:
.

Nesta carta arqueolóxica céibanse do esquecemento cento vinte e cinco xacementos prehistóricos localizados no concello de Cerdedo.
Todos os xacementos inventariados foron gravemente alterados ou mesmo destruídos.
A meirande parte dos xacementos foron parcial ou totalmente estragados pola acción do home.
Ningún dos xacementos goza de medidas para favorecer o seu coñecemento ou para garantir a súa preservación.
.
.
.
.
.
O vervo xido.
A fala secreta dos canteiros de Cerdedo:
 

.
.
O vervo xido, a semellanza do esperanto de L. Zamenhof, é labor sincrético dos anónimos e corriqueiros arghinas, enxeñeiros da xerga, responsábeis da escolma e criba de sementes léxicas de etimoloxía diversa (castelán, catalán, francés, italiano, latín, portugués, vasco... e, por suposto, o galego). Mais, a diferenza do esperanto, o vervo nunca aspirou a ser unha lingua internacional, senón o código hermético destes habelenciosos e cosmopolitas construtores.
.
.
.
.
.
O ano que chimpamos o cacique.
Crónica do agrarismo en Cerdedo:

.

.
Donde puede verse la diferencia de moral y de procedimientos entre los adictos al caciquismo y los elementos que se apartaron de la tutela de éste es en ese pequeño ayuntamiento de Cerdedo cuya emancipación, pacificación y progreso ha sido objeto especial de nuestros desvelos. Cerdedo, lo repetimos con el legítimo orgullo de quien consigna una verdad incuestionable a la que ha dado vida y aliento, es un modelo de justicia en cuanto depende de la corporación municipal nacida de la entraña del pueblo que se ha dejado guiar por nuestros consejos. En el Gobierno Civil y en la Delegación de Hacienda han dejado de oír el nombre de Cerdedo desde que se constituyó allí la mayoría agraria. La ley ampara allí a todos por igual, sin distinción de amigos y adversarios. Se quiebran las influencias ante la noción de lo justo. A nadie, por enemigo, se le ha impuesto indebidamente un solo céntimo. No ha puesto el alcalde un solo reparo al ejercicio de los derechos ciudadanos sin mirar el color de quienes deseaban practicarlo.
J. Cea (Progreso, 3-7-1918)
.
.
.
.
.
O código da vincha.
Retrincos da intrahistoria de Cerdedo:

.

.
Aquel Cerdedo louzán das cinco mil almas, das tres bandas de música e dos dous equipos de fútbol avellentou mal. Aquel vizoso Cerdedo preditatorial encama hogano a súa osame maltreita. A súa faciana amosa os efectos irreversíbeis dunha dieta pobre en calcio e as consecuencias dunha histérica e chambona cirurxía. O sancristán da crise tanxe, metódico, as campás a toque de defunto.
Non obstante, Cerdedo agocha en si mesmo o antídoto contra este veleno paralizante. Urxe, pois, asollalo, liberalizar a súa patente; descifrármonos novamente, redescubrirnos, estimándonos no que fomos para atinxir o que degoxamos ser.
.
.
.
.
.
O crime de Pardesoa:
.
.
Na madrugada do 23 de novembro do ano 1897, a aldea do San Marcos, pertencente á freguesía de Pardesoa, no concello pontevedrés de Forcarei, converteuse en escenario dun crime horrendo.
Naquela data infortunada, obrouse a morte violenta de Xoán Rei Prado, mentres que a súa muller, Perfecta Espiña Arén, era vítima dunha cruel agresión.
Nun comezo, a prensa informou da vil actuación dunha cuadrilla de foraxidos, encirrados pola fortuna que Xoán Rei, prestamista, gardaba na súa casa.
Co pasar dos días, as pescudas policiais ofrecerán unha versión inopinada dos feitos.
.
.
.
.
.
As pedras da tribo.
Retrincos da intrahistoria de Cerdedo II:

.
.
As pedras da tribo é unha emocionada homenaxe á nosa cultura milenaria, perdurábel na obra pétrea e sublimada na lingua. Aqueles que ignoran, magoan ou fan de menos os nosos sagros sinais de identidade non merecen ser considerados fillos da Galiza. Ende ben, os bispos son efémeros, as catedrais, eternas.

Aínda que nunca veñen mal as palabras de alento, non me inmuto perante as loas nin perante as diatribas. Son consciente de ter agromado en lúa pouco propicia, porén seguirei mantendo a miña fe no pobo, xa que nunca choveu que non escampara. Investín moito do meu tempo e esforzo en presentarlle ao mundo un Cerdedo digno, alternativo, orgulloso da súa esencia, da súa singularidade; por veces, idílico. Se non queda outra, acompañarei fidelmente os seus despoxos até a cova. Aliás, sexa cal sexa a súa sorte, xamais me conformarei con cousa calquera, posto que a miña terra é merecente do mellor. Tempos virán.
.
.
.
.
.