11 oct 2010

ALTERNATIVA ECOLÓXICA PARA O MONTE DO SEIXO

.
.
..
.
.
.
ALTERNATIVA ECOLÓXICA PARA O MONTE DO SEIXO.
Proxecto Montaña Máxica.

Texto publicado en Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica (2007), no nº 12 da revista Murguía (2007) e na Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo (2009).
.
.
O 15 de abril de 2007, co gallo da 3ª edición do “Roteiro da Montaña Máxica”, en nome da Asociación Cultural e Ecoloxista Verbo Xido, presentei no Outeiro do Coto, cimeiro da serra do Cando, a denominada “Alternativa ecolóxica para o monte do Seixo (Proxecto Montaña Máxica)”. Esta féliz iniciativa arela rendibilizar o indiscutíbel atractivo turístico deste monte –parque temático da mitoloxía popular galega–, revelándoo como un inestimábel foco de dinamización cultural para a bisbarra de Terra de Montes, sumida nunha fonda depresión económica e demográfica.

O monte do Seixo foi na antigüidade un lugar sagrado para as comunidades precristiás da contorna. Os modernos rituais vencellados á Cruz do Seixo e á ermida da Santa Mariña son vestixios desa pretérita condición. Os restos arqueolóxicos e a tradición mitolóxica bosquexan a montaña como un inmenso santuario onde no pasado se lle rendeu veneración á divindade Nai Terra.

O Seixo é de seu unha maxestosa “Cidade da Cultura”. O edificio foi deseñado polos máis habelenciosos arquitectos: o vento, a chuvia e o carazo. A súa colección permanente: mámoas, arcas, pedrafitas, milladoiros, gravados rupestres, castros, mitos, contos e lendas; abeirada baixo un teito de estrelas, é rica herdanza atesourada paseniño ao longo dos séculos. Porén, a “Cidade da Cultura” do Seixo non esixirá faraónicos investimentos, xa que todo nela é agasallo da natureza e adobío creativo do noso pobo.

O Outeiro do Coto, ao norte; o coto da Santa Mariña, ao sur; a Cruz do Seixo, ao leste, e as tres penas (Penadrosa, Penadaiga e Penarredonda) ao oeste son os lindes do territorio sobre o que cómpre actuar. As medidas correctoras deben ser, como mínimo, as seguintes:

‒ Retirar os aeroxeradores do “circo máxico” da montaña ou diminuír considerabelmente o seu número.

‒ Devolverlle ao monte a súa fasquía orixinal, mantendo as pistas que conducen ás estacións arqueomíticas e facendo desaparecer as innecesarias.

‒ Modificar os accesos ao monte, relocalizando o actual aparcadoiro de Chan de Mamas.

‒ Recuperar as lagoas de Xestido, desecadas o século pasado por mor do fracasado proxecto do pasteiro.

‒ Restaurar o trazado do valado do pasteiro alí onde fose mester.

‒ Sinalizar as mámoas de Chan de Mamas e a mámoa de Xestido, liberando a Mámoa Grande do alcatrán que hoxe a aldraxa.

‒ Reconstruír o aliñamento lítico do Castro.

‒ Reconstruír Trampa do Lobo, cortello lobeiro.

‒ Axeitar a entorna da Cruz do Seixo.

‒ Recrear o altar votivo da Santa Mariña.

‒ Reconstruír o milladoiro (Moreón das Pedras) da Fonte da Urce, ao pé do camiño de Doade.

‒ Repoboar as lombas do monte con especies arbóreas autóctonas. Talar os eucaliptares.

‒ Habilitar unha aula de interpretación da “Montaña Máxica” (parque temático da nosa mitoloxía popular) que achegue ao público o tesouro natural e cultural que agocha, musealizando os achados arqueolóxicos. O edificio do transformador ou o antigo albergue da escola de parapente –hoxe arruinado– son dúas boas opcións. A construción pódese complementar cun observatorio astronómico.

‒ Colocar os necesarios paneis informativos e sinaladores e mais editar folletos-guía. As obsoletas casoupas da antiga Forestal (Outeiro do Coto e Coto da Santa Mariña), senlleiros miradoiros, poden acoller a panelaría, gorecéndoa do ventimperio.

‒ Prohibir o acceso ao lugar de vehículos motorizados: automóbiles, motocicletas, quads... (agás os relacionados coa explotación gandeira, gardería e vehículos de emerxencias).

‒ Permitir o acceso de persoas a pé, en bicicleta ou a cabalo.

‒ Delimitar zonas de acampada: ben ao abeiro do arborado, ben na chaira da Santa Mariña, ben no campelo do Castro Grande, onde, previo rexistro, se poida gozar do contacto directo coa natureza.

‒ Organizar visitas guiadas en vehículos especiais para todo aquel que as solicite, especialmente as persoas de idade ou os discapacitados físicos.

‒ Adobiar o “circo máxico” cos seguintes elementos:

‒ Escultura de frei Martiño Sarmento no Outeiro do Coto, acompañada da seguinte inscrición:

A cinco e a seis leguas do oriente de Pontevedra, corre unha cordilleira de montaña de norte a sur, até Portugal. Unha chámase o Suído, e a que está máis ao norte, o Seixo; pero ao nordés da dita vila, a dita cordilleira divide o País marítimo do País de terra dentro; e os que estiveron no cume do Seixo din que des alí se ve toda a mariña de Vigo, Pontevedra, Arousa..., e todo o mar alto.

‒ Escultura do Teceleán de Carballás a carón da Mámoa Grande de Xestido.

‒ Escultura do boi Pecheche no Campo do Boi.

‒ Recreación da espadana da igrexa de Trentinán, a lendaria cidade asolagada, no centro da Lagoa Media.

‒ […]

* *

.

.
ECOS NA PRENSA:
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.
.

Recorte 1: La Voz de Galicia, 6-12-05.

Recorte 2: Faro de Vigo, 12-12-05.

Recorte 3: Diario de Pontevedra, 8-1-06.

Recorte 4: Diario de Pontevedra, 8-1-06.

Recorte 5: Faro de Vigo, 1-10-06.

Recorte 6: Faro de Vigo, 20-4-07.

.

.
.

No hay comentarios:

Publicar un comentario