.
.

.

.
Proxecto Montaña Máxica.
.
O monte do Seixo foi na antigüidade un lugar sagrado para as comunidades precristiás da contorna. Os modernos rituais vencellados á Cruz do Seixo e á ermida da Santa Mariña son vestixios desa pretérita condición. Os restos arqueolóxicos e a tradición mitolóxica bosquexan a montaña como un inmenso santuario onde no pasado se lle rendeu veneración á divindade Nai Terra.
O Seixo é de seu unha maxestosa “Cidade da Cultura”. O edificio foi deseñado polos máis habelenciosos arquitectos: o vento, a chuvia e o carazo. A súa colección permanente: mámoas, arcas, pedrafitas, milladoiros, gravados rupestres, castros, mitos, contos e lendas; abeirada baixo un teito de estrelas, é rica herdanza atesourada paseniño ao longo dos séculos. Porén, a “Cidade da Cultura” do Seixo non esixirá faraónicos investimentos, xa que todo nela é agasallo da natureza e adobío creativo do noso pobo.
O Outeiro do Coto, ao norte; o coto da Santa Mariña, ao sur; a Cruz do Seixo, ao leste, e as tres penas (Penadrosa, Penadaiga e Penarredonda) ao oeste son os lindes do territorio sobre o que cómpre actuar. As medidas correctoras deben ser, como mínimo, as seguintes:
‒ Retirar os aeroxeradores do “circo máxico” da montaña ou diminuír considerabelmente o seu número.
‒ Devolverlle ao monte a súa fasquía orixinal, mantendo as pistas que conducen ás estacións arqueomíticas e facendo desaparecer as innecesarias.
‒ Modificar os accesos ao monte, relocalizando o actual aparcadoiro de Chan de Mamas.
‒ Recuperar as lagoas de Xestido, desecadas o século pasado por mor do fracasado proxecto do pasteiro.
‒ Restaurar o trazado do valado do pasteiro alí onde fose mester.
‒ Sinalizar as mámoas de Chan de Mamas e a mámoa de Xestido, liberando a Mámoa Grande do alcatrán que hoxe a aldraxa.
‒ Reconstruír o aliñamento lítico do Castro.
‒ Reconstruír Trampa do Lobo, cortello lobeiro.
‒ Axeitar a entorna da Cruz do Seixo.
‒ Recrear o altar votivo da Santa Mariña.
‒ Reconstruír o milladoiro (Moreón das Pedras) da Fonte da Urce, ao pé do camiño de Doade.
‒ Repoboar as lombas do monte con especies arbóreas autóctonas. Talar os eucaliptares.
‒ Habilitar unha aula de interpretación da “Montaña Máxica” (parque temático da nosa mitoloxía popular) que achegue ao público o tesouro natural e cultural que agocha, musealizando os achados arqueolóxicos. O edificio do transformador ou o antigo albergue da escola de parapente –hoxe arruinado– son dúas boas opcións. A construción pódese complementar cun observatorio astronómico.
‒ Colocar os necesarios paneis informativos e sinaladores e mais editar folletos-guía. As obsoletas casoupas da antiga Forestal (Outeiro do Coto e Coto da Santa Mariña), senlleiros miradoiros, poden acoller a panelaría, gorecéndoa do ventimperio.
‒ Prohibir o acceso ao lugar de vehículos motorizados: automóbiles, motocicletas, quads... (agás os relacionados coa explotación gandeira, gardería e vehículos de emerxencias).
‒ Permitir o acceso de persoas a pé, en bicicleta ou a cabalo.
‒ Delimitar zonas de acampada: ben ao abeiro do arborado, ben na chaira da Santa Mariña, ben no campelo do Castro Grande, onde, previo rexistro, se poida gozar do contacto directo coa natureza.
‒ Organizar visitas guiadas en vehículos especiais para todo aquel que as solicite, especialmente as persoas de idade ou os discapacitados físicos.
‒ Adobiar o “circo máxico” cos seguintes elementos:
‒ Escultura de frei Martiño Sarmento no Outeiro do Coto, acompañada da seguinte inscrición:
A cinco e a seis leguas do oriente de Pontevedra, corre unha cordilleira de montaña de norte a sur, até Portugal. Unha chámase o Suído, e a que está máis ao norte, o Seixo; pero ao nordés da dita vila, a dita cordilleira divide o País marítimo do País de terra dentro; e os que estiveron no cume do Seixo din que des alí se ve toda a mariña de Vigo, Pontevedra, Arousa..., e todo o mar alto.
‒ Escultura do Teceleán de Carballás a carón da Mámoa Grande de Xestido.
‒ Escultura do boi Pecheche no Campo do Boi.
‒ Recreación da espadana da igrexa de Trentinán, a lendaria cidade asolagada, no centro da Lagoa Media.
‒ […]
* *
.
ECOS NA PRENSA:
.
.

.

.

.

.

.

.
Recorte 1: La Voz de Galicia, 6-12-05.
Recorte 2: Faro de Vigo, 12-12-05.
Recorte 3: Diario de Pontevedra, 8-1-06.
Recorte 4: Diario de Pontevedra, 8-1-06.
Recorte 5: Faro de Vigo, 1-10-06.
Recorte 6: Faro de Vigo, 20-4-07.
.
No hay comentarios:
Publicar un comentario