22 oct. 2010

ANO 10 DESPOIS DE PORTALÉN: A loita continúa. Salvemos o Seixo!!

.
.
.
.
.
.
O MONTE DO SEIXO. O irrefreábel atractivo da Montaña Máxica
.
Conforme leo nas miñas anotacións, no verán de 2002 –axiña fará os dez anos–, na compaña de meu pai, Manuel Solla, natural de Abelaíndo (Cerdedo), e de Manuel Vidal, orixinario de Ratel (Forcarei-Beariz), visitei a rechamante formación granítica do monte do Seixo coñecida, entre outros nomes, por A Portalén. Non era a primeira vez que pasmaba perante o singular rochedo, levo pateando o Seixo dende a recuada nenez, mais, naquela esclarecedora excursión, escoitei de novas, na pausada voz de Manuel Vidal, o testemuño que identificaba o lugar co linde do Outro Mundo, co soarego do Máis Alá.
.
Por se alguén vir doutro planeta, A Portalén do Seixo localízase na encrucillada do camiño de Coto e do camiño da feira de Doade, alí onde, de antigo, se nomeaba Feira Vella. O lugar pertence, na actualidade, aos comuneiros da Barcia do Seixo, freguesía do pontevedrés concello da Lama.
.
A estación mítica de Portalén víñase sumar á trintena de recunchos con lenda descubertos no alto do monte tras anos de recolla, porta a porta, polas aldeas da contorna do Seixo. A oportuna esculca deu como resultado o Almanaque de encantos (2005) e dúas monografías: Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica (2007) e Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas (2008), todos tres libros gozosamente editados e reeditados (Ed. Morgante). Os segredos da montaña púñanse, deste xeito, en coñecemento do mundo.
.
Ao pé da Portalén, coa solemnidade requirida, o señor Manuel contou o inveterado costume aldeán de acudir á peneda no mes de Santos, atravesar o pétreo portelo, pousar un exvoto no petón regañado, demandar resposta dos defuntos e volver saír por onde se entrou, so risco de ficar antaruxado. A mesma historia, con algunha que outra variante, escoitéillela, así mesmo, ao señor Xosé Cortizo (Barro de Arén) ou á señora Arxentina López (Carballás). O propio Xosé Cortizo narrouna primorosamente para o documentario Monte do Seixo. A Montaña Máxica de 2009.
.
Unha década despois da descuberta de Portalén, o monte do Seixo xa se defende só e non hai tarabela que lle faga sombra. Guiei centos de persoas polos predios do Seixo, vilmente desbaratados polo desacerto do parque eólico; falei para os xornais, para as radios, para as televisións, para a Internet, nos congresos e conferencias aos que fun convidado... da urxente necesidade de promover a montaña do Seixo, a Montaña Máxica, como parque temático da mitoloxía popular galega, privilexiado anfiteatro natural no que recrear a nosa alborada celta, demandando unha e outra vez a colaboración das distintas administracións.
.
Desgrazadamente, ningunha das autoridades locais, provinciais ou autonómicas “competentes” moveron un músculo na dignificación e pulo do que, a todas luces, é un dos reclamos turísticos máis atractivos desta atristurada e decadente bisbarra.
.
Aínda que cause vergoña, cómpre engadir que, en todo este tempo, non se recibiu, por calquera dos condutos posíbeis, nin tan sequera unha sucinta comunicación dos alcaldes ou dos concelleiros de Cultura da zona, interesándose, xa non polo traballo realizado, senón pola indiscutíbel repercusión do mesmo. Non me abraio, ben sei que é actitude común no noso país.
.
Mais, pola contra, arrepóndose ao silenciamento raposeiro e porfión, o monte do Seixo, A Portalén burbullan na Web: nas redes sociais e mais en ducias de páxinas e blogs, espazos virtuais interesados pola arqueoloxía, a etnografía, o turismo ou a cultura galega en xeral. Do mesmo xeito, o labor desenvolvido foi obxecto de estudo e enxalce en numerosas publicacións de aquí e de fóra. O evidente potencial do monte do Seixo mereceu a atención do III Congreso Internacional sobre a a Cultura Celta, organizado en Narón (2011), é mereceu, nese ano, o valioso recoñecemento dos Amigos da Cultura Celta.
.
Por outra banda, os seres míticos do Seixo foron agasallados coa súa inclusión na Guía ilustrada da Galicia invisible (Xerais, 2010) da autoría de Antonio Reigosa, coordinador, asemade, da web “Galicia Encantada”, onde o Seixo é tamén protagonista de excepción. A maiores, Vítor Vaqueiro engadiu as lendas do Seixo á súa magnífica Mitoloxía de Galiza (Galaxia, 2011), mentres que Portalén, que xa aparecera ilustrando o libro Caroianos (Xunta de Galiza, 2008) de Xosé e Xermán Fortes, foi escolleita como un dos cincuenta lugares máxicos da Galiza, escolmados no libro homónimo do xornalista Carlos G. Fernández (Cydonia, 2011), etc. etc. Para todos os confrades da Montaña Máxica vai a miña emocionada gratitude.
.
Ofrecinlles desinteresadamente un monte do Seixo alternativo aos veciños de Terra de Montes e, agás contadas aínda que reconfortantes mostras de apoio, só obtiven xélido silencio cómplice. Non me enrugo, temos o que merecemos. Hoxe, Aninovo de 2012, o ano 10 despois de Portalén, principia unha nova década de loita tan necesaria como ilusionante. Salvemos o Seixo!!
.
.
Calros Solla
.
.
.

No hay comentarios:

Publicar un comentario